Viki Rivadulla, pintora

"Na Costa da Morte, a Natureza ten una forza tan brutal que se impón"

LUCÍA PENAS

Vedra

 

 

Viki Rivadulla nunha exposición/ Foto de arquivo

 

Viki Rivadulla pinta os soños do mar. Desde Muxía –Punto 0 do Prestige-, onde dirixe a Biblioteca pública, pinta a maxia que nace dun medio fermoso e tamén terrible, escribe as fazañas das súas xentes e esculpe a reivindicación dun ecosistema que constantemente se ve ameazado.

A Nube: Por que decidiu introducir na súa actividade artística a súa relación coa terra, co mar, co medio ambiente en xeral?

Viki Ribadulla: No lugar onde eu vivo- a Costa da Morte- a relación co mar e a terra é algo fundamental na forma de vida das persoas. A propia relación co mar e coa terra da como resultado unha forma de ser e de estar no mundo na que as persoas forman parte do territorio como un elemento máis, e o territorio tamén atopa un sentido a través das persoas que viven nel e que traballan nese mar e nesa terra. É unha interrelación que está na base da propia identidade nosa.

A.N.: Pensa que existe una arte do mar?

V.R.: Eu diría que a verdadeira arte do mar é a das persoas que traballan no mar: mariñeiros e mariñeiras , mariscadoras e mariscadores, redeiras, etc… tódolos oficios que se crean a redor do mar e que son en si unha arte. Pero tamén é certo que pode dicirse que hai unha arte do mar no sentido de que hai artistas que dedican a súa obra a dignificar todo o que o mar nos aporta e iso faise dende a poesía, dende a pintura, etc…En Galiza temos grandes poetas do mar. Dende poetas medievais a López Abente, Manoel Antonio, Bernardiño Graña, Avilés de Taramancos, etc…e as novas xeracións nas que, precisamente, na actualidade , hai un rexurdir do mar na poesía (aí está Xosé Iglesias, por exemplo ). Eu coa miña obra plástica tamén quero aportar o meu gran de área a esta dignificación do mar e de todo un mundo que se move en torno seu.

 

O cadro "Silenciada"de Viki Rivadulla/ Foto de arquivo

 

A.N.: E do monte?

V.R.: Pois pasa exactamente o mesmo que co mar. A mesma resposta podería darse para mar e monte. Canto ao monte non podo deixar de nomear a poesía de Uxío Novoneyra, onde a paixón da terra chega á súa máxima cota.

A.N.: Como pasa a Natureza de ser escenario a protagonista da súa obra? V.R.: Como dicía antes , na Costa da Morte, a Natureza ten una forza tan brutal que se impón: a lus, o mar, a terra, a costa…e é unha natureza fermosa e tamén difícil de habitar pola súa bravura, pero tamén por iso mesmo marca con forza as vidas das persoas, é case imposíbel para min vivir aquí e non ter en conta a relación de homes e mulleres coa Natureza . Pero eu non son paisaxista, por iso a Natureza non é escenario, senón que é un elemento activo, dinámico. Eu diría que máis que a Natureza en si, na miña obra é protagonista a relación de homes e mulleres con ela, e como se crea toda una cultura e forma de vida arredor desta relación. Por iso é importante para nós coidar a Natureza, porque forma parte fundamental das nosas vidas.

 

Créditos